Monday 29 de April de 2024

Unha delegación mexicana de Yucatán visita Galicia para coñecer a xestión e valorización da Ruta Xacobea


― A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director de Administración e Relación coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Ildefonso de la Campa, deron a coñecer o “know how” do fenómeno xacobeo á delegación do Estado de Yucatán

― A delegación mexicana busca seguir o exemplo do Camiño de Santiago para desenvolver unha ruta cultural e turística no seu territorio

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Ildefonso de la Campa, mantiveron un encontro de traballo coa secretaria de Turismo do Estado de Yucatán, en México, Michelle Fridman Hirsch, co que rematou a estadía deste alto cargo mexicano en Galicia. A visita de Fridman Hirsh tiña como obxectivo coñecer de primeira man a experiencia de Galicia no desenvolvemento e posta en valor do Camiño de Santiago como fenómeno cultural, patrimonial e turístico.

Tal e como destacou a directora de Turismo de Galicia ao remate da reunión, “o encontro serviu para trasladarlle á responsable turística do Estado de Yucatán o noso know how do Camiño de Santiago co obxectivo de que eles poidan aplicar estes coñecementos ao desenvolvemento dunha ruta cultural e turística no seu territorio”. Ademais, serviu tamén para abordar a posibilidade de asinar un protocolo de colaboración internacional para afondar na colaboración e na investigación conxunta entre ambos territorios.

A visita a Galicia por parte da delegación mexicana remata hoxe despois dunha visita que comezou o domingo para coñecer as infraestruturas de acollida ao peregrino tanto públicas como privadas no Camiño Francés e Portugués e que lles permitiu coñecer os albergues de Triacastela, Portomarín e o Monte do Gozo, para rematar cunha visita á Oficina Internacional de Acollida ao Peregrino.